Roberto Vilar e Rodrigo Vázquez “andan aí”
Félix Caballero
Comeza o verán e con el a programación estival da TVG, na que segue –con bo criterio– o magazine das tardes “Quen anda aí?”. Trátase dun bo espazo, ao que apenas se lle pode apor o risco que corren todos os magazines deste tipo: o feito de que, ao mesturar información e entretemento, pase dun asunto lixeiro a unha nova grave (un crime machista, poñamos por caso) sen solución de continuidade, coas consecuencias negativas que iso pode ter.
Pero non quero falar tanto do programa como dos seus presentadores, porque, ao fin e ao cabo, coido que son o mellor de “Quen anda aí?”. Xuntar a Roberto Vilar con Rodrigo Vázquez para presentaren este espazo era tamén unha aposta arriscada. Primeiro, porque ningún dos dous se puxera antes ao fronte dun magazine coma este. Segundo, porque era tamén a primeira vez que Vilar presentaba un programa “serio”, por así dicilo. E terceiro, porque os dous presentadores tiñan un perfil moi diferente (un é un cómico; o outro, un xornalista de carreira; un cumpre agora 50 anos; o outro ten 33). A realidade é que esta extraña parella ten funcionado moi ben e pasado o exame xa non con aprobado, senón con sobresaliente. A proba é que os dous foron nominados aos premios “Mestre Mateo” deste ano a mellor comunicador e Rodrigo Vázquez gañouno. Un galardón, por certo, que xa conquistara en 2019 co concurso “Ti verás”, a súa primeira incursión no entretemento puro.
En “Quen anda aí”, Roberto Vilar estreouse como un presentador informal, que fai bromas ou grazas, a diferenza de “Land Rober” –o espazo da noite dos xoves–, onde actúa como un cómico que, ademais de facer comedia, tamén presenta. O de Xove ten pasado este exame particular tamén con nota, deixando na audiencia –coido– uha sensación moi agradable. Tanto que penso que está xa perto de ocupar no corazón dos televidentes galegos un lugar parecido ao que Xosé Ramón Gayoso ou Xosé Manuel Piñeiro enchen desde hai moitos anos.
O evidente contraste entre Vilar e Vázquez ten funcionado ben. Ambos os dous presentadores compleméntanse e harmonízanse. Non é doado que dous homes (ou dúas mulleres) resulten ben como copresentadores. De feito, prefírese normalmente un home e unha muller, porque a fórmula mixta tense amosado exitosa de abondo des que Fernando García de la Vega xuntou en TVE a Joaquín Prat e Laura Valenzuela en 1968 ao fronte de “Galas del sábado”.
Polo demais, o programa conta cun elenco moi eficaz de presentadores secundarios e colaboradores. Digo presentadores secundarios porque “Quen anda aí?” ten outros dous presentadores, de perfil un pouco máis baixo canto ao protagonismo que se lles dá: Iolanda Castaño –sen dúbida, unha das mellores profesionais da televisión en Galicia– e Marcial Mouzo, que dá o salto desde a Radio Galega revelando un perfil moi agradable para o espectador. A eles cómpre sumar uns reporteiros novos e dinámicos e un bo número de colaboradores do máis diverso tipo, desde o mediático xuíz José Antonio Vázquez Taín ata un feixe de paisanos que teñen sido un auténtico achado.
Parabéns a “Quen anda aí?” e en particular a Roberto Vilar e Rodrigo Vázquez, esa extraña parella da TVG que ten espertado máis sorrisos e pracer no público galego ca Jack Lemmon e Walter Matthau na película homónima de 1968.
El juego del calamar